Thursday 18 de April de 2024

San Sadurniño expón ao público o padrón fiscal do IVTM


Malia a recente subida dos importes na ordenanza reguladora, o municipio segue a ser un dos da volta coa “rodaxe” máis barata
O padrón do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica pode consultarse ata o próximo 18 de abril, ben no Concello ou ben na Deputación, que é quen ten delegado o cobro deste imposto. Trátase dun periodo para ver que todos os datos son correctos e poder reclamar se non o son. En San Sadurniño modificouse o ano pasado a ordenanza reguladora para actualizar a cota tributaria que, malia todo, segue sendo a segunda máis barata dos municipios da zona. A modificación serviu tamén para ampliar os supostos en que poderemos beneficiarnos de exencións e bonificacións.

Os concellos adoitan aprobar os seus padróns do IVTM a primeiros de ano para facer efectivo o imposto antes de mediados de cada exercicio. Para consultar os datos incluídos neste padrón fiscal pode acudirse ao Concello, á delegación da Deputación ou ben facelo a través da Oficina Virtual da Deputación, que nos dá opción de ver tanto este como outros recibos. Desde ese punto mesmo podemos facer o pagamento ou a domiciliación, aínda que só no caso de que teñamos conta ou tarxeta do BBVA, de Abanca ou de La Caixa.

En calquera caso, agora do que se trata é de ver que a información é correcta para poder corrixila se hai erros. O prazo de exposición para esa consulta remata o 18 de abril e despois abrirá outro de un mes para presentar, se é necesario, o pertinente recurso de reposición. Estes trámites poden facerse tamén por vía telemática, no Concello ou na delegación da Deputación, situada en Esteiro.

Ao IVTM están suxeitos os/as titulares de turismos, autobuses, camións, tractores, remolques e semirremolques -os “carritos” de menos de 750 quilos de carga útil non pagan-, así como os de ciclomotores e motocicletas. O baremo que se usa para as tarifas varía dependendo do tipo de vehículo. Así, a potencia fiscal -distinta da real- que figura na documentación é o indicador para turismos e tractores, para os autobuses úsase o número de prazas, nas motos a cilindrada e para camións e remolques a carga útil que poidan levar.

En base ás características técnicas do vehículo de que se trate, a lei reguladora das Facendas Locais establece unha táboa de cotas que os concellos poden modificar, tal e como fixo San Sadurniño o ano pasado.Esa é a razón de que aquí a rodaxe continúe sendo máis barata que noutros municipios da zona, como Narón, As Somozas, Neda, Valdoviño ou A Capela. De entre todos os concellos cos que lindamos só Moeche ten un imposto máis baixo.

Coches pequenos que pagan máis que algún grande
Unha das cuestións que moitos e moitas nos preguntamos é por que existen tantas diferenzas nos recibos e, principalmente, cal é a razón de que haxa coches pequenos que paguen máis que outros de maior tamaño e máis potentes. A resposta está relacionada coa diferenza existente entre cabalos reais -a forza do coche- e cabalos fiscais -a que figura na documentación-. Se falamos dos coches -e tamén dos tractores-, a lei só mira a potencia fiscal para establecer os importes. Ese cálculo faise mediante unha fórmula regulada polo Real Decreto 2822/1998 do 23 de decembro tomando como factores o número e diámetro dos cilindros, o percorrido dos pistóns e se o motor é de dous ou catro tempos.

A fórmula non ten en conta que hoxe case todos os coches levan motores sobrealimentados e por iso dá como resultado números que, en principio, poderían parecer contraditorios e que penalizan en certa medida os vehículos máis antigos. Por exemplo, un monovolume Renault Mègane 1.5 DCI de 105 cabalos de potencia real ten menos de 12 cv fiscais e, polo tanto, paga algo máis de 42 euros. Porén, un Corsa C 1.7 diésel dos antigos pagaría 89,92 euros de rodaxe malia ser máis pequeno e menos potente -tan só 60 cabalos-, posto que a súa ficha técnica indica que a potencia fiscal é de 12,02 cv e entraría no tramo seguinte do imposto. Se nos vamos ás motocicletas a cousa si estaría máis relacionada coa potencia, dado que os tramos de pagamento do imposto van aparellados á cilindrada. Isto é así de momento, posto que xa hai rumores sobre un posible cambio na lexislación estatal para adaptala á realidade tecnolóxica dos vehículos actuais.

Exencións e bonificacións
A modificación da ordenanza reguladora do IVTMen San Sadurniño serviu para actualizar unha cota que levaba 15 anos sen tocarse, pero tamén para ampliar a catro os supostos en que se poderán obter bonificacións e exencións para o imposto. Iso si, estes beneficios fiscais cómpre solicitalos previamente e surtirán efecto no exercicio seguinte:

-Exención total no caso de vehículos destinados ao transporte de persoas con mobilidade reducida.
-Exención para tractores, remolques, semirremolques e maquinaria provista da cartilla de inspección agrícola.
-Bonificación dun 100% para vehículos de máis de 25 anos que teñan a cualificación de históricos (inscritos no correspondente rexistro de Tráfico)
-Bonificación dun 50% da cota para vehículos con motorización híbrida ou exclusivamente eléctrica.